crítica de OITO DÍAS SEN EVA CORTES, de Sara Vila Alonso, en Galaxia

ENTRANDO CON BO PÉ

Título: Oito días sen Eva Cortes

Autora: Sara Vila Alonso

Editorial: Galaxia

Despois dos tropezos, na credibilidade dos seus enredos, de Ledicia Costas e Arantza Portabales nos seus dous últimos romances, xa é unha alegría atopar unha autora que ofrece todo o contrario: fiabilidade e proximidade narrativas, como é caso de Sara Vila neste título co que obtivo o Premio Illa Nova de Narrativa. Tratándose ademais da súa estrea como romancista, os parabéns duplícanse.

            O enredo en si non é nada que  non se vira/lera con anterioridade na súa proposta. Unha moza, Eva Cortes, desaparece e Antía, xornalista, vai ter que cubrir a noticia suplindo un redactor de vacacións. Unha xornalista animicamente en horas baixas, a súa relación de parella pasa por un moi mal momento e no traballo ten dificultades á hora de que publiquen, sen modificacións que alteren o sentido da información, o texto que ela envía. Porén, fuxindo de calquera tipo de artificiosidade, a autora consegue interesar a quen le, convencidamente e desde o inicio. Para iso crea unha nómina de personaxes moi realista, moi críbeis e próximos. En realidade, todo o que ten que ver coa desapararición non é máis que o punto de partida para que esas personaxes se manifesten. E a primeira desas personaxes é Eva Cortes, moza que vive nun barrio obreiro, que profesionalmente é coidadora de persoas maiores, que se manifesta desde textos en primeira persoa, onde dá conta íntima da vida dunha moza que esperta  á vida adulta. Estes textos abren o romance e tamén o pechan.

            Despois está Antía, xornalista aínda tamén nova, que cre nun xornalismo útil para a sociedade e á que enfada o sensacionalismo barateiro e mórbido que o seu xefe persegue, custe o que custar e sen reparar no dano que pode facer a terceiros. Haberá ocasión para confrontar estas dúas visións do xornalismo, a ética e a sensacionalista, cando Gael, a última persoa que ve con vida a Eva sexa considerado como sospeitoso a raíz da súa ascendencia suramericana. Gael non é unha personaxe contraditoria, mais o seu testemuño ten lagoas. Despois dunha noite de bebedela e algo máis, queda con Eva, a quen trataba desde unha desas páxinas de contactos que hai pola Internet, mais o encontro non resulta agradábel para ningún dos dous, dura pouco e Eva marcha. Hai aquí un paralelismo evidente co último romance de Portabales, e tamén co asasinato de Sanuel en A Coruña. É dicir, o enredo que se nos propón resulta de moita actualidade. Iso, a actualidade é un plus á hora de mercar esta lectura, mais o bo desenvolvemento narrativo fai que sexa intemporal.

            Enredos de tipo xornalistico-detectivesco hai moitos, a diferenza está en que non todos resultan tan críbeis e que noutros casos as personaxes son máis de tinta e papel que de carne óso. Neste romance, repetimos, as configuracións dunhas personaxes próximas e recoñecíbeis, levan a que quen le se interese inmediatamente polo texto, un texto que, por outra banda, está tecnicamente ben artellado, a dosificación da información é moi coidada e logra sorprender cun remate climático. Non se cae na tentación de pretender engrosar o discurso nin se recorre á típica estratexia de presentar posíbeis culpábeis para que quen le vai pesquisando cal vai ser o verdeiro culpábel, para despois sorprender no reamte. Para nada.

            Aínda que Sara Alonso nos sitúa nun escenario ficticio, a vida e as personaxes que compoñen o romance son moi reais. E nisto queremos deternos unha chisca porque é importante. Antes falamos da credibilidade das personaxes, e, relacionado con isto sitúase a querenza por deixarnos un discurso realista, que sexa fiel espello da realidade social que vivimos. Nótese aquí a defensa dun xornalismo ético, mais tamén o hipócrita tratamento a que son sometidos os migrantes con tanta facilidade. Por sinal. Que hai máis, como pode ser a dupla vitimación. Eva non só é vítima porque desaparece sen que se saiban os motivos, tamén mora nun barrio obreiro, de onde se segue que desa extracción social todo se pode agardar. A hipocrisía social outra volta, coma se en barrios ricos non sucederan peores cousas.

            Contar sen complicacións. Crear personaxes e conflitos críbeis e reais. Parece sinxelo. Mais, no fondo hai un traballo estrutural ben penado e medido, absolutamente eficaz. Ao que hai que sumar a hábil harmonización entre enredo de xénero e enredo realista. Dando como resultado unha lectura agradábel que sabe afondar na complexidade humana e social malia non ser moi voluminosa. Non é pouco. Agardamos con ansiedade novos traballos.

            ASDO.: Xosé M Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s