a propósito de VENECIA ABANDONADA, de Eduardo Estévez, en Positivas.

VENECIA, VENECIA

Título: Venecia abandonada

Autor: Eduardo Estévez

Editorial: Positivas

Hai na decadencia un gusto que non toda a  xente sabe apreciar. A simple contemplación da decadencia significa unha vitoria contra o paso do tempo, ou polo menos unha moratoria. Tamén é verdade que o concepto de decadencia adoita ir da man dunha histórica posición de privilexio e luxo ou grandeza de quen edificou e viviu nos edificios agora contemplados. Desde ese punto de vista compréndese moi ben que haxa quen dea as costas á decadencia, pois as edificacións humildes só os epíritos máis sensíbeis saben e queren valorizalas. Venecia é unha desas cidades onde á decadencia aínda se sobrepón unha pátina salvadora baseada tanto na beleza como nun certo kitch romántico de góndolas e amores posíbeis ou imposíbeis. Mais, olllo!, detrás desa cidade de postal, existe outra Venecia non tan glamourosa, unha cidade que detrás da postal agacha muros esportelados, recantos onde o paso do tempo si se deixa ver e, lonxe de se combater, simplemente se van facendo apaños para que  as paredes non caian a cachos. Mais tamén iso forma parte do seu encanto, a constante loita por sobrevivir

            Pois ben, nin unha nin outra. A Venecia que nos trae Eduardo Estévez non é nin unha nin a outra. En todo caso son as dúas á vez, pois nos seus versos percíbese a sombra da primeira mais tamén o abandono que xa o título anuncia ás claras. Aínda así, o poemario non é exclusivamente un poemario de denuncia, senón un xeito de perderse no labirinto interior que provocan as sensacións do exterior, ese outro labirinto deambulatorio da cidade que é unha balea náufraga / con memoria. A primeira parte do poemario, “santa lucía” , de onde extraemos a anterior cita, dá conta da chegada á cidade e déixanos as primeiras impresións desa cidade que se se empeña en permanecer. Trátase dunha visita invernal, e por iso fóra do balbordo turístico, estación moi apropiada para a contemplación e reflexión poética activa, con mínimo de interrupcións.

            (Algunha razón debe existir, agora non  é momento de pescudala, mais cando se fala de literatura de viaxes case nunca se fala de poesía de viaxes. E dalgunha maneira hai que reparar isto. Por exemplo, con libros como este)

            Dígase agora, antes de nada, que o poema renuncia á súa imaxe vertical. En todo caso procura unha harmonía entre a verticalidade propia da poesía e a horizontalidade propia da deambulación da voz poética. Así, pouco a pouco, vánsenos deixando as impresións que causan os distintos escenarios visitados. Como, por sinal e ben significativo, o silencio na strada nuova. A luz no campo san paolo: o son do bronce na madeira / reflíctese nos soportais / e a luz tínxese / de harmonías novas. Na calle de la madonna, é a sensación de que polas veas da cidade circula auga. Esa sensación, esa “música” non o abandonará e volve aparecer no cotián da  fondamenta cannaregio. No campo santa fosca, o viaxeiro camiña / co asombro que provoca unha feira clausurada / un antigo teatro de marionetas / ás que un deus displicente / cortou os fíos. E na ruga ravano, ao silencio súmanse as dicretas conversas dun bar. No seguinte capítulo, “(postais)” vólvese a reflexión sobre o paso do tempo, consta de só dous poemas nos que se contrapón a imaxe do daguerrotipo, que esixe un posado paciente onde o tempo é só /suposición, coa imaxe das fotografías dixitais, que son cualificadas como máscaras. O seguinte capítulo ten como centro os interiores, onde entre tapices alfombras e sofás derrotados / o aire permanece inmóbil, e é capaz de abstraerse, ollar desde fóra e pregúntase en que punto / a abundancia de algo / vira de beleza / en obscenidade. O derradeiro poema deste capítulo parécenos de importancia capital pois deixa ben claro que o poeta é quen de percibir soños, historias pasadas, alí onde outros só ven móbeis antigos, esas máscaras. E é precisamente ás máscaras que dedica so seguinte capítulo; non podían faltar as máscara do entroido, son dous poemas, no primeiro ten que imaxinar- lémbrese o que vimos de dicir- e no segundo

                                                                        venecia só admite / simulacións

                                                                       a cidade ten o privilexio da certeza

            Se antes mentamos a harmonía no plano espacial, tamén hai que referir a harmonía na actitude da voz poética, entre a descrición e as impresión producidas pola contemplación dun espírito poético sempre perceptivo, pois non se pode ser poeta só a tempo parcial.

            O seguinte capítulo, tamén breve dá conta desoutra realidade que non sae nas postais. É o “(ghetto)”, onde os menos afortunados teiman en sobrevir a contramán. Curiosamente, no seguinte, “(escparates)” non deixa de tematizar o abandono, tanto no interior das tendas de ultramarinos como nas librarías, pechaduras atoadas de ferruxe ou centos de exemplares de guías para turistas/ acumulan humidade e pó, para concluír que o abandono tamén é fermoso. Segue capítulo para  os “(canais)”, onde malia o son dos remos o silencio continúa ser dono da atmosfera.

            Esta sucesión de capítulos breves obra que a lectura sexa dinámica, mais ese dinamismo non redimensiona a observación pausada, atenta ás impresións que a cidade lle transmite…non, pola contra serve para lembrarnos a súa permanencia, tanto no espazo como no tempo.. Vén a continuación outro capítulo chamado “ (cristais)”, obviamente dedicado aos cristais de Murano, esa tensión, entre a fraxilidade, un cristal é doado de escachar, e a firmeza, o cristal é quen de permanecer no tempo sen perder forma ou propiedades, e tamén a beleza, pois os mestres artesáns son artistas que crean beleza. É un capítulo un tanto máis extenso. Dicía o poeta que “toda humilde beleza me namora”, e nos cristais de Murano atópase tanto a humildade da creación coma a fastuosidade do creado. Os versos a seguir teñen como escenario o teatro “(la fenice)”, o teatro onde se representaron e escoitaron por primeira vez os grandes clásicos do bel canto, dentro douto teatro máis amplo e e grande, a propia cidade, e que sufriu dous incendios (1836 e 1996) volveu abrir en 2003, un “teatro dos soños” que, como a cidade,  é unha máscara.

            Os dous seguintes capítulos teñen como centro a accademia, o seu vello edificio acubillo das “belle arti”, aquí aparece o concepto de “fuxida” e a reafirmación no acto de observar, que non é un proceso pasivo cando o observante é un poeta, non, nese caso é un acto onde as conmocións interiores se manifestan, quizá como eses fantasmas que habitan a cidade dos canais, petrificados en silencio, en abandono, mais que teiman en sobrevir o pesado paso do tempo, non saen nas postais, son as postais, quizá como as pegadas borrosas que, en teoría, constitúen o derradeiro capítulo. E teoría, porque despois aínda quedan as imprescindíbeis “ (notas innecesarias)”, que en realidade son tan necesarias por estaren tan ben escritas e lembrarnos a dimensión interna-externa do poemario.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s