crítica de SÓ FICARÁN CINZAS EN ALGURES, de Toño Guede, en Galaxia.

ENREDO POLICIAL EN OURENSE

Título: Só ficarán cinzas en algures

Autor: Toño Guede

Editorial: Galaxia

Non é ningún misterio que os discursos policiais-detectivescos-negros gozan de moi boa saúde editorial. Son moitas as autorías que se deciden por este tipo de enredos, Pódense procurar múltiples explicacións a esta vigorosidade, desde a influencia de autorías nórdicas que están na moda a calquera outra de calquera outra extracción xeográfica e cultural. Desde Borges e Bioy Casares, pasando por Chandler, Chesterton… a nómina de opinións e moi longa e seguramente confusa No fondo, toda esa variedade vén demostrar unha cousa, que ninguén deu unha explicación suficientemente consistente para desprazar as demais ou, sinxelamente, porque cada quen fala desde a súa propia tradición. Pola miña banda non desboto, todo o contrario, o feito de que é un dos produtos audiovisuais máis consumidos, especialmente procedentes do Hollywoood en canto a número. A partir de aquí é necesario reflexionar que, se existe unha escola estadounidense, unha escola inglesa, unha escola nórdica, unha escola francesa, unha escola italiana…o lóxico sería que as autorías galegas foran o suficientemente consecuentes e independentes para crear unha escola galega diferente da española. A tarefa non é sinxela, pois pártese dunha hibridación entre as diferentes escolas que non o pon fácil. Porén penso que o título antes comentado de José Mondelo (Soamente unha vez, Xerais) e este de Toño Guede poden amosar un camiño válido e aínda non moi trillado aquí: o da desmitificación realista. Será cousa de, con máis tempo, establecer a liña temporal en que se vén desenvolvendo, por sinal desde o mesmo Antón Risco. E será cousa de facelo antes de que a novela policial galega resulte un remexido de patacas (que diría Eli Ríos) tan poliforme como confuso.

            No caso que nos ocupa, cómpre dicir que esta é a estrea narrativa en galego de Toño Guede.(Ourense 1971) Sempre é importante dicilo para dimensionar correctamente o que se vai escribir e ler sobre a obra en concreto. O enredo que nos propón o autor presenta a un industrial do transporte que recibe unha serie de paquetes misteriosos que se poden considerar ameazantes. Aquí xógase coa dúbida de se en realidade o son ou non pasan dunha brincadeira de mal gusto. Paralelalemente, e noutro tipo de letra exponse a comisión dun delito e a tensión emocional que xorde na mente culpábel. Tampouco lles quero adiantar moito máis do enredo, non é prudente nin aconsellábel desfacer a intriga xa creada desde o mesmo título. Mais si hai que indicar que os feitos se desenvolven en Ourense, un Ourense moi recoñecíbel; se se fala dunha novela negra viguesa (esta etiqueta non deixa de ser unha “ocorrencia” propagandística) porque non dar pulo a unha novela policial ourensá?. Nisto, cabe pensar nunha homenaxe á cidade nativa e vital, que, efectivamente existe. Porén hai aínda outra explicación máis fonda: quérese que o enredo sexa o máis realista posíbel, e é moi importante esta dimensión porque isto concorda moi ben co tipo de remate escollido, desmitificador, digamos á maneira de José Mondelo por iso da coincidencia temporal. Coincidencia. Si, coinciden, porén téñase en conta que os dous discursos aparecen publicados á vez. Isto xa dá pé a pensar nunha tendencia, ou no inicio (con atecedentes) dunha tendencia que veremos se se instala convincentemente.

            En canto ao desenvolvemento técnico do enredo, dígase que as personaxes se configuran psicoloxicamente a través dos seu actos. Agás no caso de Lavandeira, o inspector, e do industrial do transporte. O resto de personaxes non, iso permite non dar excesivas pistas sobre quen será culpábel, mais o certo é que tamén permitían máis marxe de manobra.

            O aspecto negativo está nun descoido na exposición do enredo. Hai un momento onde desaparece unha moza orfa, e, liñas abaixo dise que “o peor foi para os seus non atopar o corpo” (89). Se é orfa, quen son os seus? @s amig@s?. Quen le pode supoñelo, porén tamén pode non facelo, non ten motivos para iso.

            Do resto salientar ese remate desmitificador e realista. Como tamén é realista a colaboración dos dous corpos de “seguranza”, a Policía e a Garde Civil. Que existan dous corpos se “seguranza” en competencia xa é propio da mesma tradición estadounidense, mais aquí a colaboración establécese de forma realista, lonxe dos parámetros Hollywood onde existe despección dun corpo sobre o outro. Non caer nesa trampa é outro dos aspectos positivos a salientar.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s