crítica de AQUÍ COMEZA O MAR, de Blanca Riestra, en Galaxia.

CRÓNICA CRÍTICA DUNHA LECTURA

Título: Aquí comeza o mar

Autora: Blanca Riestra

Editorial: Galaxia.

Perdón, igual minto algo, en realidade é a crónica de dúas lecturas. A primeira deixoume tan mala impresión que me vin na de facer unha segunda, que a confirmara ou que me achegara cousas novas que non vira antes. Porén ratificouse a primeira, así que, en realidade, falamos da lectura dun único texto que ratifica no crítico as conclusión a que chegou na primeira lectura. Imos alá.

O enredo comeza presentando unha adolescente, coruñesa, filla de papá (hoxe daríaselle outro apelativo), nun discurso que presenta certos acenos cara á literatura galega e que ten pinta de ser o exercicio memorialista dunha burguesa castelanfalante. Ben, este tipo de enredo da filla de papá, non é a primeira vez que o leo, que sexa castelanfalante engádelle un plus e ese achegamento á literatura (cultura galega) que pode resultar de interese. Temos, así, unha moza un tanto rebelde ( que non o é a eses anos!), que é seareira do local de Nikopol (personaxe típico da hostalaría coruñesa, cerca de dez anos máis vello que a protagonista. Mágoa que non lembrase a triloxía de Enki Bilal, claro que en castelán non se puido ler até 2018), e pasea os ambientes propios da burguesía coruñenta (que diría Xurxo Souto, quen tamén aparecerá como personaxe da novela), que narra episodios ou peripecias protagonizados por Amancio Otega, Paco Vázquez ou Laureano Oubiña. Unha triloxía interesante, non cabe dúbida. Tamén conta os amores dramáticos de Lois Pereiro, o que sucede é que non lle atopo funcionalidade dentro do enredo, puidera ser anuncio do destino dramático da protagonista mais para iso non é imprescindíbel, desde cedo xa se distingue esa tonalidade temática no discurso. Funciona mellor como verniz “galeguizador” do discurso. Porque esa é outra. No texto tamén aparecen outras personaxes como Cunqueiro, Vidal Bolaño, Wenceslao Fdez. Flórez, e tamén se conta o “bautizo literario “ de Antón Avilés de Taramancos. Aquí paro, releo. En substancia parece o mesmo que me contou Manuel María, mediados os ´90, mais non o é. Primeiro omítese a presenza de Manuel María, e en segundo lugar o bautizo, oficiante Novoneyra, foi como “Antón Avilés de Taramancos” e non só “Avilés de Taramancos”. Entón, e non só por isto, decátome de que as peripecias de Amancio Ortega, Paco Vázquez ou Luareano Oubiña nárranse, as que teñen que ver co “verniz galego” só se citan (agás o de Lois Pereiro).

Un chisco máis adiante haí outras cousas que me prenden a luz vermella. “…os nacionalistas chorando porque Castelao non podía regresar a unha Galiza que non estivese liberada”. Esta forma despectiva de referirse aos nacionalistas, oféndeme, unha reivindicación, unha loita, só “en certas mentes” é unha chorada. Mais sigamos, isto é literatura, ficción. Claro que, pouco máis adiante, unhas liñas, lese:” Así ocorría entre os adolescentes castelanfalantes, que desexabamos con ansia ser emendados e que os nosos pais fosen reprimidos, quizais reducidos coma os chineses nas nosas propias aldeas da montaña, no Caurel ou na Fonsagrada”. As cousas non casan, desexan ser liberad@s por unha panda de choromicas? Non ten xeito. Parece como o xuízo da protagonista, que conta a adolescencia desde a perspectiva adulta, superpuxese os seus argumentos sobre os da adolescente, sen decatarse de que se contradicían. As lembranzas é o que teñen, veñen e van, configúranse e reconfigúranse, coma fantasmas a habitar a mente de quen as escribe, mais quen as escribe ten a obriga de prestar máis atención a posíbeis contradicións.

Non levo moito lido. Literariamente non atopo máis de consideración que o antes mentado. As lembranzas veñen e van como fantasmas. Nada novo baixo o sol. Confúndense, “ficionalízanse”, na mente memorialista, onde acoden as bandas sonoras de Julio Iglesias, Rafaella Carrá, os Viúda Gómez, os Historiaglama  rabudoband (finais dos ´90) “ de ironía ultrafascista”…Sigamos, isto é literatura. Finalizamos a primeira parte, das cinco en que se divide o texto. Porén, na nosa lectura só contemplamos dúas e estamos na primeira. Entón aparece o “profundo norte”, e o “telón de grelos”, apelativos que denotan afastamento, incomprensión, o mesmo que cando se fala da “Galiza profunda”. Xa estamos no ´88, xa non é tan adolescente. “tras o telón de grelos, os cohes corrían coas xanelas abertas, e eran máis pequenos, as xanelas baixábanse con manivelas, os homes eran baixiños, todos levaban ombreiras e patillas ou, a falta diso, tupé e buguis…” Cadra que o crítico viviu esa Coruña (máis adiante chamaralle “Coru”, expresión típica de castelanfalantes “cursis”), e as miñas lembranzas non concordan co que aquí leo. Sigamos. É literatura. Ficción. Todo é posíbel. “Dise moito que os galegos son seres sentimentais e folclóricos, porque convén” Si? Quen o di? Porque o di? Para que o dí.  “En verdade, o galego non é melancólico, senón nihilista, non é sentimental senón soberbio” Uff, outra volta confundindo as cousas…poden aparecer “nihilista” e “soberbio” na mesma oración? Non quero facer sangue, mais o do nihilismo é unha interpretación que non me parece nada acertada, ás veces os eufemismos valen para algo.. Despois mentarse a Bolaño, a propósito de que “os detalles salvan” Ufff, pois xa levamos vistos uns cantos “detalles”, pormenores, que, precisamente, condenan máis que salvan.

Aquí tamén me chaman a atención “os tugurios góticos”, Non será un chisco cedo para a estética gótica?

Miguel Anxo Fernán-Vello, Xurxo Souto, Luísa VIllalta…outros nomes que aparecen no discurso, autores de O Facho, de De Amor e Desamor…tampouco vou pretender exhaustividade.

E xa estamos na metade da novela, mais ou menos. “Sempre somos o que eramos, nunca habemos de ser nada distinto do que fomos” A sentenza. No medio do discurso. Incursión da mente adulta que memorializa. Non parece o lugar máis axeitado. Ou si, se se entende como afán de loita por transformarse, como lle pasaba á adolescente, que tampouco foi tanta loita nin no discurso se plasma como tal.

Temos um novo escenario, Compostela, que non se afana moito en describrir os seus ambientes, e iso si que daba para unha boa novela, de feito xa deu nos anos ´70. Anxo Rei Ballesteros. Certos “detalles”, certos pormenores levan a que me fixe na língua. Os “Charlines”, “emperrado”, “que che vai devorando”, “hache matar” , “se eu non che penso”, “contémplache”, “rocas”, “joder” (antes empregara “follar”), “mar alborotado, “pullas”, “bueno”…non quero ser exhaustivo, agora tampouco. Simplemente reflectir unha língua certamente pobre, sobre todo na fraseoloxía (moitas veces calco do castelán).

Nesta altura xa está ben claro que a narradora é un trasunto da autora. Quizá puidera entenderse esta novela á luz da autoficción, tan na moda. Se fora así… mais é o exercício memorialista o que se impón, onde, alén dos fantasmas da memoria, pouco mais hai que contar.

Cada vez vaime intersando menos.”…todas as túas experiencias son de clase, de xénero, rexionais, mesmo” Rexionais? Os pormenores. “Vives nun delírio pequenoburgués…”. Queda ben. Delirio, casa ben cos fantasmas da memoria, que van e veñen e se transfiguran, se é o caso. O delírio sempre tem algo de mise em abyme. A narradora parece que trata de evitalo cunha estrutura temporaria progresiva, mais non dá. A escrita como delírio tampouco é nada novo, mais sempre me interessou polo que o delírio ten de veracidade dentro da ficción, como forma de ficcionar a realidade. Pásame isto desde que lin as “Memorias de Tains” de Mourullo….Tamén vaia comparanza referencial lle fun poñer, nada menos que as “Memorias de Tains”. Ufff, sigamos.

“O que un escribe é rito escenificado fronte ao nada”. Aí discrepo, fondamente. Os pormenores, a escrita sempre debe ser reto, debe nacer como reto expresivo; o rito, ou “ritual”, é inmobilista, non permite anovamentos expresivos.

Ben, é bo  momento para ir reflexionando sobre o lido, achégase o remate. A verdade é que o texto está ben redactado, tamén é o mínimo que se lle debe esixir a calquera narradora ou narrador. Algunhas pingas poéticas, nin demasiadas nin excesivamente líricas. Pouco traballo estrutural, ou ineficaz, cada páxina que se le, segundo se avanza na lectura, está mais claro que a narradora é um trasunto da escritora, quedaría mellor se se tratase de autoficción, como exercício memorialista semella un querer e non querer, que, a verdade, non lle acho excesivo interesse. Precisamente cando máis me interessa é cando a narradora se decata da súa condición de muller maltratada, de muller que fracasou nas súas relacións co outro sexo (tan presentes desde o inicio), asúmeo e desde aí traza propósito de seguir para adiante, era boa ocasión para non dilatar moito remate, deixar que quen le imaxine o seu futuro. Non é caso, as reflexións que seguen apagan esa posibilidade, sigamos coa reflexión sobre o lido. Unha lingua bastante pobre, con fraseoloxía calcada do castelán…Algúns cultismos… “O único límite é a linguxe. A linguaxe é o que fai que as cousas merezan ser contadas, ou poidan contarse, niso consite a literatura”. Como maneira de quedar ben, vale, mais non o leva á práctica. Foguetes de artificio. Verniz.

Ben, chegados aqui, compre sinalar que nun discurso literário, sobre todo se é  memorialista, tanto hai que ter em conta as cousas que se din como as que se calan. E aqui chama a tención que esa pequeno-burguesa, filla de papá que pretende coquetear coa cultura autóctona, son bastantes as cousas das que non se decata ou ás cales non dá importância. Pensemos no fenómeno Fuxan os Ventos e  a música folk, pensemos na posterior “movida”, pensemos na posterior “Xeración Xabarín” ( a narradora está próxima a pertencer a ela), pensemos no rock “bravú”, pensemos na chegada á Coruña de Manuel María, pensemos no impacto que tiveron autores como Darío X. Cabana, como Manuel Rivas, Suso de Toro…E poderíamos seguir. Non é raro que nada diso asome no discurso, se é que ese interesse no autóctono é real?

En troques, o que si aparece son os “quinquis”, un fenómeno social asociado á cultura castelá, de primeiros dos `80. Hai máis de cincuenta anos que son lector en galego, é a primeira vez que, que eu teña memoria, que os leo. Tratando de trasladar cousas da cultura castelá á galega? Pois claro.

Ben, agora hai que dicilo, a autora, Blanca Riestra, polo que eu sei, é sobriña de Camilo José Cela. Así enténdense mellor  certas cousas. Non só  o que esquece, senón tamén o coñecemento que ten dos “negros” que usaba o seu tío e a maneira que tiña de usalos…

Porén, o peor, xa non é um discurso novelístico deficitario. O peor vén despois. Nos agradecementos. Que as veces poden indicar as fontes de que se nutriu a autoria. Alberto Ramos, Bernardo Villanueva, Diana Atkinson, Estíbaliz Espinosa, Gelitos Fernández Castro, Isa Risco, Javier Becerra, Javier Nikopol, Jorge Viuda, José Manuel Sande, Juan de la Colina, María Cabrera, Miguel Anxo Fernán-Vello, Pedro Esperón, Pedro Granell, Ángeles Huertas, Vari Caramés, Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Souto, Marta Álvarez, Raquel Veira e Yolanda Castaño..

“Nunca tiven vocación de exhaustividade e menos de exactitude” Tarde piaches! Se iso se dixera no inicio, estaríamos avisados, mais deixou que leramos sen esse aviso, por algo será! Seguimos lendo. “Parto do principio de que todo o escrito se converte en ficción (pois non, non todo escrito é ficción, calquera o sabe) e só debe responder ante o Alto tribunal do feito literário (ironia?, polo que me toca, se algo me atinxe, non o considero “capatatio benevolentiae”, senón máis bem todo o contrario), moito mais duro que calquera outro organismo secular. Que o deus do imponderable nos protexa ( e falta lle fará, digo eu).

Boa lectura”

Remata desexando boa lectura a quen xa leu!!!??? Entenderíase se figurasse no inicio. Tal onde está posto, ten unha clara intención de influír no xuizo que quen leu xa esta en condicións de estabelecer. A isso chámolle soberbia, xa non ironia desenfocada ou fora de lugar. Pura soberbia. A autora era ben consciente do que fixo  e para que o fixo.

Em fin, déronlle o Blanco-Amor 2021. Non é de meu xulgar o traballo dos xurados. Mais, e non o digo só por esta novela, hai veces que os premios se deberían deixar desertos.

Agardemos mellores traballos da autora

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)  

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s