crítica de AUSENTES, de Afonso Eiré

VALORIZANDO A EMIGRACIÓN

Título: Ausentes

Autor: Afonso Eiré

Editorial: Hércules de Ediciones

Na presentación en Chantada, dixo o editor que Afonso Eiré é un dos tres mellores escritores actuais en lingua galega. Ben, pois se o autor lle merece tan alta consideración, digo eu que tamén merecería unha mellor edición. Porque; papel, bon; tinta boa. Porén editar é algo máis que imprimir letras en papel branco, sobre todo se se trata de ficción. Calquera editor sabe que ir máis alá das 30 liñas por páxina é unha aventura moi perigosa, todo máis que non pase de arredor das 33 liñas, o resto é un abuso e desconsideración con quen le Como aquí pasa.. E non é un capricho. Sucede que desa maneira se condiciona o ritmo lector, facéndoo máis lento e cansando máis. E aínda por riba, ao enrodelar os capítulos ou apartados, pois o romance, sen narrador principal, é unha sucesión de testemuños da emigración escritos en primeira persoa…pois aínda peor. Como tales, capítulos ou apartados, deberían encabezar páxina. Non é capricho tampouco, é unha forma de que o discurso sexa dinámico (outra volta na mesma pedra) e á vez, que existan zonas de reflexión (as zonas en branco no remate de cada capítulo ou apartado) que desmecanicen a lectura e propicien unha lectura activa.

O tema do romance, é a emigración. Polo menos de momento, Afonso escribiu o romance que máis e mellor trata este tema. Outra cousa é que alguén pretenda escribir “ o romance definitivo” sobre a emigración galega, porque esta vén de tan antigo e é tan complexa, que moi dificilmente cabería todo nun único romance, seguramente habería que acudir a unha saga ou conxunto de romances. E iso que neste título de Afonso Eiré, todo son voces de xente emigrada, a Europa ou a América. Son as personaxes que, xuntadas con motivo dun casamento, van dando voz á dramática experiencia vital de ter que emigrar, e aínda en moi malas condicións. Porén, malia seren moitas as voces, a diversidade real do fenómeno migratorio galego é tan inmensa que, quen lea, botará de menos algunha, como pode ser da emigarción aos USA ou Francia, ou afondar noutras xa tratadas, como poden ser a Arxentina, Uruguai ou Cuba. Dito sexa por sinal. Maruxa, Carlos, Moncho, Benito, Amancio, Dosinda, Xilberte, Xanerosa, Enrique, Pepiño, Tina, Rexina, Evanxeliña, Lita, Dores, Xesús, Luísa, e Antón conforman esa galería de personaxes, esa galería de voces que nos transmiten unha visión ampla da emigración galega, a máis ampla que teñamos visto.

Esa é a estrutura. A estratexia narrativa combina realismo veraz con realismo ficcionado e tamén espírito de denuncia. Si, espírito de denuncia porque, como se di no propio romance, a emigración nunca é como nola contan @s emigrantes, nin tampouco é consecuencia do “carácter aventureiro” d@s galeg@s, senón unha situación social provocada pola desatención do goberno estatal, e aproveitada por ese mesmo goberno para encher os petos non d@s galeg@s senón doutras zonas do Estado. Unha das personaxes representa a pequena banca local, e deixa ben claros os manexos do Goberno Estatal para que o fluxo de cartos de emigración galega non quedara na Galiza precisamente. Ao que hai que sumar a denuncia tamén dos abusos cometidos nos Seminarios. E, por suposto, a dureza das condicións de vida d@s emigrantes, por exemplo, en Suíza, deixando ben claro que nunca se pretendeu asimilar ou sequera ser comprensiv@s con estas experiencias en terra estraña, senón utilizar a esta xente da maneira máis proveitosa para as comunidades receptoras e sen observar ningún tipo de comprensión ou miramento c@s emigrad@s. Hoxe dísenos, por activa e por pasiva, que debemos ser comprensivos coa migración que vén acá en procura de mellora, pois a fin de contas nós, @s galeg@s, tamén tivemos, e temos, que marchar emigrad@s. Ben, pois que lean este romance de Afonso Eiré e vexan as condicións en que fomos tratad@s. Dígoo así, con plural inclusivo, porque a min tamén me tocou ser migrante e tamén podo falar por experiencia.

Si, por experiencia: Como cando viñan nas vacacións os “madrileños”. Era curioso comprobar como aquí ninguén lles tusía á hora de pagar, ou de encher de billetes os petos dos fillos para ir á festa, se mesmo os pais lles deixaban os coches! Era curioso porque, en Madrid, cando ía visitalos ( a pedido dos meus pais) nin os deixaban saír dar un paseo e nin cartos lles daban para convidar a unha cervexa. Sempre había algo que o impedía. A menos que eu dixeras que convidaba eu, entón si, as portas abertas.

Como se dixo antes, a emigración nunca é como a contan @s emigrantes.

Cando se trata dun novo libro de Afonso Eiré, é constante e costume loar a vizosa lingua que emprega, tan vizosa que, con só ler unha páxina, xa o autor fica absolutamente identificado e sen erro. E, desta vez, non vai ser menos. Iso si, tamén hai que falar da onomástica “híbrida” (Benito) e superrealista e dalgunhas solucións como mínimo cuestionábeis: caso de “Prazuela” (o sufixo -ela existe, non é habitual mais existe, mais tende a xuntarse a palabra patrimoniais), “querencia”, “escuadra” ou algunha confusión entre “lla” e “llela”.

Tamén como é habitual nas súas ficcións realistas combinadas con realismo ficcionado, Castro Candaz (léase “Candás”) é o escenario preferente do enredo, trasunto de Chantada. Tan trasunto que os dous topónimos aparecen na mesma páxina.

Do resto, velaquí un romance emocionalmente moi intenso, que fará agromar lembranzas ( e non só anecdóticas, tamén as hai ben dramáticas) en quen o lea. E, como se di no romance, non é certo que non poidamos cambiar o pasado, pois si poderemos cando sexa posíbel contar toda a verdade e non só ficar coa “visión” intereseira que se nos quere transmitir. Na reprodución das condicións de vida d@s emigrantes, é onde, a meu xuízo, salienta este novo título de Afonso Eiré.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s