a propósito de MEMÓRIAS APARIÇÕES ARRITMIAS, de Yara Nakahanda Monteiro

DOVE NASCE LA POESIA

A propósito da MEMÓRIAS APARIÇÕES ARRITMIAS, ou como nace a poesía

Título: Memórias aparições arrítmias

Autora: Yara Nakahanda Monteiro

Editorial: Companhia das Letras ( Penguin Ramdom House)

O título. Cando  o libro na man, o primeiro a ser lido é o título. Tres palabras. Tres substantivos que puideran indicar tres capítulos, tres apartados. Mais non. As tres palabras substantivas informan de un fluír no proceso de pensamento. Primeiro é a memoria. A memorias, esa facultade humana que nos fai únicos no mundo este. Mais a memoria, mediante a cal podemos posuír o pasado en revisión ou revivir, non é un todo que se aparece monolítico, totémico, conxunto enteiro. A memoria son fragmentos vitais que se aparecen fraxilmente fragmentarios, en calquera momento, esixidos por visión que os espertan puntualmente, solitarios ou prendidos da man doutros. Aparições. Teñen un algo de fantasmas ao se manifestar, mais non o son. Hai nas aparicións un algo que sorprende, pois imaxes ou secuencias chegan inesperadamente, como pulsións efémeras que se resisten a desaparecer, a xa non ser; anacos de memoria que renacen en arritmia, inconstantes na liña temporaria, inconstantes no exercicio da vida, mais seguros, innegábeis, inevitábeis, certamente dos cales non nos podemos desfacer. Poren, este terceiro substantivo tamén anuncia un conxunto de poemas que, de tan breves, son aparicións,  memoriais manifestos no espazo leve e contundente, sen ritmo poético que non sexa o da súa manifestación brevísima.

Alén diso, as arritmias achegan un novo concepto, e un concepto importantísimo á hora de analizar formalmente este título, primeiro na faceta poética, de Yara Nakahanda Monteiro, que alzou como vencedora do prestixioso Premio Gloria de Sant´Anna ao mellor poemario en lingua portuguesa ou galega. Ese novo concepto é o da tensión. A arritmia, en medicina, asóciase con momentos onde existen picos de tensión elevada. Isto non indica que o poemario sexa irregular, con poemas moi bos e outros non tanto. Non. Como se verá, está relacionado coa forma en que a poesía nace na poeta, e a forma en que a poeta os materializa na escrita.

Porén, antes, porque é o primeiro efecto poético que quen le descobre aquí, temos que mencionar a discreta sonoridade constante. Explicámonos. Na poesía, como arte da beleza escrita en palabra, os enfeites formais, se son demasiado evidentes perden forza. Mais cando a súa administración é discreta e constante, convértense nun achado para quen le, un achado que, como unha música obsesiva, non abandona a mente. Exemplos: O cão selvagem lambe lágrimas em meus olhos febris (salientado meu), xa no segundo verso; curtos caracóis aventados, habita a floresta tropical, Despe a sua pele, …o melhor de mim eram.., minha Santa Senhora, …tempo antigo a maturar, surge o sol…, distante da deslealdade… Téñanse estes exemplos sequentes por sinal da musicalidade dos poemas de Yara, que transita de poema en poema de modo constante, inclusive mesmo cando as arritmias os fan aflorar de xeito sintético (Procurorevisor para corrigir os erros da minha vida./ Profissional idóneo e célere). Este conxunto de poemas, que invocan as arritmias e os sms, podían ter un deseño editorial mellorado se foran presentados un en cada páxina, porque deste xeito se respectarían as zonas de reflexión que deben seguir a cada poema, para evitar a lectura mecanizada que deglute texto tras texto sen deixar tempo ao vagar reflexivo. Porén, esa  lectura mecanizada evítase en certa maneira, só en certa maneira, xogando co espazo que ocupan os poemas mínimos na folla en branco.

Imos agora co punto central desta crónica libresca, que nos leva á grande pregunta, ao grande misterio: como nace a poesía en quen poeta? Historicamente falouse de inspiración para significar ese momento no cal quen escribe sente a necesidade de poñer en palabras pensamentos ou estados de ánimo. Nin eu, como crítico, nin ninguén pode sinalar eses instantes a menos que sexa adiviño (e non tería porque ser fiábel) ou teña información externa de primeira man, e aínda así… Con todo perseveramos, porfiamos na importancia que neste poemario ten este aspecto. Porque, independentemente de cando e como se produza o instante de inspiración (ás veces o mesmo texto contén indicacións), resulta inevitábel que quen poeta, quen escribe, realice un exercicio de introspección e rescate do seu  interior, dos seus adentros, aquilo que pretende comunicar respondendo ao estímulo inspirador. O proceso pode resolverse verbalmente de múltiples formas, antes xa indicamos a musicalidade, a sonoridade como un recurso que aquí se emprega. Mais cómpre engadir que nese proceso que vai desde a introspección, desde a ollada cara o adentro propio, á materialización dela en palabras poéticas prodúcese unha tensión (moitas veces, froito desa tensión, é a sensación de que as palabras son insuficientes para significar o que se quere dicir) que se verá incrementada na extropección (cando quen poeta, quen escribe, é consciente, ao ler o escrito, que creou unha realidade nova que tamén lle crea tensión). Aliás, a extropección, a ollada cara fóra, tamén se pode entender como orixe dos momentos (polo menos algúns) de inspiración, dos momentos en que sentiu a necesidade de escribir.

Esa tensión, no fondo nace dunha disidencia entre o de fóra e o de dentro, entre o que se ve, e o que se sente, entre o que se vive e o que se debería vivir. Esa tensión, ese desasosego.

Esa tensión, nos poemas, nótase tanto na contundencia verbal, na precisión á hora da escolla das palabras, que se fai con mimo de ourive, mais tamén con decisión cirúrxica, como no sentido e traballado sentido do ritmo, sempre ao servizo de procurar a expresividade mellor acaída. O cal conduce a que o poema sexa tido en conta como ocupante de espazo na folla en branco, en virtude do que adopta formas diversas, ás veces podémolas cualificar de experimentais -ben sabemos que a experimentación en poesía non é nada novo, mais sempre é algo a celebrar porque rompe a monotonía- e, ao lado lúdico intrínseco hai que valorizar que isto convida a quen le a considerar a lectura desde distintos ángulos, cousa que enriquece o texto e decodificación de maneira considerábel. Podería dicirse que por este camiño se chega ao poema mínimo das “arritmias” ou “sms”, porén a autora sabe ben que só son un método expresivo poético máis e retoma despois o poema convencionalmente entendido (convencionalmente? En poesía nada hai convencional, mais é unha forma de entendernos).

Nesta crónica libresca enfatizo moi dliberadamente a forma poética, pois o mérito de botar man dunha temática determinada (sorpresiva ou novidosa) acostuma ter un impacto no tempo moito menor e tamén menor esixencia á hora de escribir, de poetar. Porén, desde o punto de vista temático interesoume a defensa e reivindicación da muller, que sempre é unha muller que sofre maltrato vital, sexa quen sexa o culpábel desta situación, que pode variar, na ecuación sempre se mantén o mesmo resultado: a dor e desasosego que contaminan e tinxen a súa experiencia vital. Así foi a miña lectura, non quero máis explicitar para que ninguén lea condicionado. Porén, sería indisculpábel non dicir que esta tesnionada poesía orixínase na disidencia fronte á vida e as súas circunstancias, asumidas como muller e o que iso significa, tamén como consecuencia histórica e o que iso significa, e necesidade de autoafirmación nos mesmos parámetros antes expostos.

Para remate. Este é primeiro poemario de Yara Nakahanda Monteiro; para ser inaugural, a poeta demostra un domino, unha mestría que non acada calquera debutante. Desde este poemario  inaugural, agradamos con ansia novos títulos. Sendo meritoria vencedora do Premio Gloria de Sant´Anna, aínda que residente en Portugal, a súa voz poética, sempre comprometida dá voz ás novas xeracións da poesía angolana, que, se ben deica agora se vén falando de poesía decolonial, cómpre transcender esa denominación, evidentemente que é decolonial, mais hai que ir pensando nunha poesía do século XXI, evolucionada sen renunciar ás súas raíces e da que Yara é unha excelente representante.

(Poden atopalo, en versión kindle por 7, 99 euros)

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s