crítica de UNHA CERVEXA CHANG, de Manuel Portas, en Galaxia

CRÍTICA DE UNHA CERVEXA CHANG

Título: Unha cervexa Chang

Autor: Manuel Portas

Editorial: Galaxia

Velaquí a nova novela de Manuel Portas, esta vez incursionando con decisión no xénero detectivesco. Ben é certo que proceso detectivesco, na lectura, sobre todo na narrativa, sempre hai porque sempre hai algo, algunha cousa que esclarecer, sexa delictuosa ou non, mais sempre hai. Un repaso ás sete anteriores novelas de Manuel Portas demostra que proceso detectivesco sempre houbo nalgunha proporción. Porén, desta vez é o centro do enredo novelístico. Imos ver.

                O enredo preséntanos a un home de negocios que vai pasar as vacacións de Nadal a Tahilandia, a unha illa tahilandesa, como maneira de facer tempo e reflexionar a cerca dun ruinoso negocio que fixo e que ameaza con liquidar a empresa familiar. Como antiquario, caeu  na trapela de querer mercar unha peza única, e rematou sendo estafado. Mais, cando xa se prepara para regresar, presencia un feito perturbador. Unha muller que chegou á praia que el está contemplando e se meteu na auga para tomar baño, de súpeto deixa de vela e non a dá enxergado por ningures. Unha vez denunciada a desaparición, isto provocará que sexa retido pola policía tahilandesa e mesmo acusado de asasinato. Esta é situación de partida. Xa en Compostela, reorganiza o negocio familiar e comeza, motu propio, a investigar aquela desaparición, cos medios que ten e desde distancia. Ese é o miolo do enredo e eu non llelo vou contar. Mais si deirei que aquí temos un protagonista que é persoa que non gusta de socializar, un ser solitario de hábitos simples, case un anacoreta, e esa súa maneira de ser provocou a ruptura do  seu matrimonio porque a súa dona non se deu afeito a ese tipo de vida.

                Desde o punto de vista técnico, o primeiro en que repara quen le, é na habelencia do autor para describir a través dos ollos do protagonista aínda sendo un narrador en terceira persoa. Isto, na estratexia narrativa resultaralle moi útil ao autor, porque unha maneira de que quen le se identifique co protagonista, que sinta que o acompaña. A parte tahilandesa do enredo, con esa particularidade, vai operar para que, unha vez xa na Galiza, e tendo en conta a personalidade do protagonista, quen le estea habituado a acompañalo e é agora cando entra en xogo outro recurso narrativo imprescindíbel nesta novela. A dosificación da información. Unha vez que se comeza a tirar do fío, van ir aparecendo diferentes pistas, diferentes achados  que significan un avance na investigación mais  que non comprometen un remate  coas súas doses de sorpresa, onde se bota man do resumo, feito que confire á lectura dinamismo, á vez que pecha o círculo da investigación.

                Nesta altura a narrativa detectivesca ou pesquisadora xa conta cun elevadísimo número de detectives ou pesquisadores, de tal xeito que personalizar ou configurar unha nova personaxe deste tipo, antóllase ben complicado se se se quere que a personaxe fique individualizada entre todas as demais que xa existen. Porén, malia iso, continúan a aparecer sen xeito de conclusión porque, nesta narrativa de xénero, quen le fideliza a lectura máis polo proceso pesquisador que por quen investiga. Neste contexto, é de celebrar que Manuel Portas nos propoña unha personaxe que pesquisa ocasionalmente esta vez, que é unha persoa normal máis, socialmente pouco activo e tamén pouco empático; iso, para quen le, é moi  positivo pois dese xeito identifícase mellor coa personaxe protagonista, e inclusive sente un chisco de mágoa por ela debido ao seu carácter pouco empático que refuga a socialización e só se sente á vontade na soidade das súas rutinas.

                Outra novela máis de Manuel Portas a convidarnos para que reflexionemos sobre as impensadas situacións en que a vida pode poñernos, como na súa narrativa ven sendo habitual.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s