algunhas consideracións a propósito de O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA, de Carlos Callón, en Xerais.

A APROPÓSITO DE O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA

Título: O libro negro da lingua galega

Autor: Carlos Callón

Editorial: Xerais

Permítanme que comece asegurándolles, con toda a énfase posíbel, que este libro de Carlos Callón, desde que se publicou a principios de Xuño, converteuse nun título fundamental, capital, de referencia obrigada, ao demostrar a represión sistemática sobre a lingua galega desde o 28 de maio de 1480 ao 26 se xuño de 1986. Quen máis, quen menos, eramos conscientes dela desde os Séculos de Ouro casteláns, coa campaña de desacreditación iniciada polos Reis Católicos porque os galegos defendían que a súa nobreza de sangue nunca fora tinxida ao non ter que mesturarse con xente musulmá (vid aquí) A meu xuízo todo vén de moi atrás. Carlos Callón demóstrao. Porén eu retrotaeríao aínda máis. Téñase en conta que o Cantar de mío Cid é de principios do XIII, que  para alén da narratividade en verso non presenta valor ou requintamento literario senón unha rusticidade expresiva que contrasta moito coa Lïrica Galega Medieval, a cal se presenta ante nós o mesmo século mais como froito dunha tradición anterior fina, refinada mesmo na súa parte máis popular (as cantigas de amigo), por non falar das Cantigas de Santa  María. Teño ben claro que isto era coñecido nos Séculos Escuros, e tamén o feito de que as “serranillas” tiñan un antecedente claro nas pastorelas, de feito obedecen a un mesmo esquema compositivo. E isto doe. Escoce moito porque contradí as “excelencias” da lingua castelá como lingua de cultura. Mais non saiamos do carreiro, que aquí estamos a escribir sobre a magna obra de Carlos Callón.

O grande achegamento de O libro negro da lingua galega consiste en que demostra documentalmente a represión exercida sobre a lingua galega, desde a Coroa de Castela- Aragón até dez anos despois da morte do ditador Franco. Hai casos en que a documentación achegada era de difícil acceso ou pouco coñecida, en maior ou menor grao segundo quen lea. Particularmente fixeime no relativo ao coñecemento da Lírica Medieval Galega, que, en círculos cultos era coñecida desde moito antes do século XIX. E tamén nas pexas que se lle puxeron a súa divulgación. Que, se tantas foron, á casualidade non se deberon e si a razóns máis fondas. Lembremos que Ramón Menéndez Pidal afanouse na creación da Escola Filolóxica Española, partindo da idea de que a lingua castelá e a literatura castelá eran anteriores superiores ás en galego, catalán e euskera. Moito debeu reconcomer a este home o feito de saber que teorizaba sobre algo que era ficción.

Demostrada esta represión sobre a lingua galega con profusión de achegas documentais, agora cómpre pensar que de aí se derivan consecuencias económicas e políticas en primeira instancia, pois no seu nome  se exerceu a represión. Mais, de resultas, Callón tamén trata, desde as mesmas orixes o autoodio e a  baixa autoestima que foron inxectados en vea n@s gale@s e que continúa aínda hoxe. Curiosamente, e significativamente, repetindo as mesmas teorías infravalorizantes (e tamén despectivas) que ao longo dos  séculos se foron cronificando. Tal é, e de tal maneira é que, hoxe, ben podemos dicir que a “democracia” do único que nos salvou foi dos castigos físicos por falar galego, físicos e económicos pois non esquecemos as multas que a autoridade gubernativa poñía a quen “se diríxía en galego á autoridade”, por sinal. Porque, do resto, a lingua galega continúa a ser perseguida incluso polas mesmas institucións que deberían defendela, cousa que ben sabemos tod@s. Agardan vostedes algún pronunciamento da Dirección Xeral de Política Lingüística, que debería estar saltaricando de contenta porque outros fixerono seu traballo?

 Canta xente perdeu o seu modo de vida por exercer en galego? Cantas vidas truncadas xa desde a infancia por non falar ou falar mal o castelán? Inumerábeis, e despois dirán que o castelán non é unha lingua imposta. Cantas malleiras sufridas na escola, e non só na escola, que Carlos Callón demostra que tamén adult@s levaron no lombo? Cantos desterros para que a xente tivera que expresarse só en castelán? Cantos castigos, de obra e de palabra, de todo tipo recibidos só por falar galego? Cantos exilios? Canta emigración forzada?

E todo por un supremacismo fóbico contra aquilo o que non sexa castelán ou non acepte participar no paripé españolista, paripé españolista que ten máis de ficción oportunista que  de realidade “científica”. Deste supremacismo fóbico ao racismo vai un chanzo ben doado de subir. Racismo, puro e duro. Non deixa de facerme graza que identifiquen as persoas galegofalantes ( sobre todo en núcleos urbanos) cunha determinada ideoloxía política, co nacionalismo. Pois ben, se queren que así sexa, porque o nacionalismo é unha corrente política igualitaria, moderna, sempre da man do feminismo e movementos lgtbi, das perocupacións medioambientais, da cultura e da altura e diversidade de pensamento, mentres @s da represión representan todo o contrario: frivolidade política, política resesa, racismo, machismo, matonismo, odio, envexa, fusís apuntado ao peito… iso é que significa estar do lado do castelán. Téñoo dito moitas veces, os responsábeis do desastre do Prestige falaban castelán (un mesmo chegou a xefe de Goberno), os que loitaron para que o desastre fose o menos posíbel falaban maioritariamente galego, @s mariñeir@s. Eu teño moi claro de que lado quero estar. Quen o necesite, que escolla. Neste libro están ben claras e desde ben antigo tanto a galegofobia (fobia pola lingua) como a galaicofobia (fobia polo lugar de nación). O dito, racismo, puro racismo.

Carlos Callón detense especialmente no período franquista, porque desde o século XX hai máis documentación. Repensando un chisco despois da lectura, a min quédame por saber cantas mulleres foron acusadas de “bruxería” pola Inquisición e se esas acusación poderían tamén ter base na lingua.

Non quero, nin moito menos, facer “spoiler” do contido, mais da lectura tamén se desprenden comportamentos en prol da lingua galega, exemplos onde mirarnos aínda hoxe, como é o caso de Alexandre Bóveda, cuxa inscrición na súa sepultura foi profanada por motivos de odio lingüístico (e político). E decátense de que, se lles conto isto precisamente, é porque no clima social en que vivimos, non desboto que esteamos a piques de revivir feitos como este.

Agora, unha vez demostrada a represión da lingua galega historicamente con profusión de achegas documentais, e comentado que desta magna obra se deben derivar traballos non só sociolingüísticos senón tamén económicos (por sinal, pénsese na cantidade de xente que non puido exercer o seu oficio por só saber facelo en galego, por sinal, que hai máis consecuencias), laborais e noutras áreas do saber…agora cómpre, é vital, unha difusión convencida e efectiva do contido represivo de O libro negro da lingua galega. Toda vez que debido á súa alta paxinación, e o seu prezo, non é obra doadamente recomendábel para o ensino, estimo que se fai necesaria a divulgación do seu contido a través de paineis ou formas físicas que resuman o contido en todos os centros educativos e lugares públicos do País e tamén nos sitios de fóra da Galiza onde se fala galego. Á vez que representa unha ocasión imperdíbel para recuperar como tema social de debate a represión lingüística, na Galiza e fóra da Galiza. Porque esa é  outra, non só os galegofalantes non temos os mesmos dereitos que @s castelanfalantes, non só os perdemos cando temos que vivir fóra da Galiza, senón que aínda queda por estudar a represión sufrida por galegofalantes que viven fóra da Galiza

Remato reproducindo un dos textos que inician o libro, corresponde a Juan Carlos I de Borbón, dito o 23 de abril de 2001. “A nadie se le obligó nunca a hablar en castellano; fueron los pueblos más diversos quienes hicieron suyo, por voluntad libérrima, el idioma de Cervantes”

ASDO.: Xosé M. Eyré (Membro da Asociación Galega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s