crítica de CAROLINA, de Alberto Canal, en Xerais

QUE NADA SE ESQUEZA PORQUE A MALDADE NUNCA DEIXA DE EXISTIR

Título: Carolina

Autor: Alberto Canal

Editorial: Xerais

E haberá aínda quen siga dicindo, medio despectivamente, “outro enredo sobre Guerra Civil? Na miña experiencia como lector debo ter lido máis dun 90% do que na ficción galega se ten escrito sobre a Guerra Civil e as súas consecuencias, non son poucos títulos, e ningún, absolutamente ningún, deixou de sorprenderme. Pódese ter maior ou menor acerto literariamente falando, porén, o seguro, a invariante é que a maldade ten mil caras e nunca, absolutamente nunca, poderemos dar por finalizada a súa exposición. Non é a primeira vez que Alberto Canal escribe sobre a guerra, os efectos da guerra, xa o fixera en O  amor nos escuros días de BIkernau (2016), agora, en Carolina, en lugar de na segunda Mundial o obxectivo é a Guerra Civil e as súas consecuencias…até a actualidade. En concreto presenta unha forma de tortura que deica agora descoñecía, a de guillotinar os dedos que se usan para ler e escribir. Mais non é ese o único aspecto do enredo que debemos salientar. Hai outro que me parece de moita valentía traelo á ficción porque poucas autorías galegas tiveron o suficiente valor como  para tratar o darwinismo social como algo que está sucedendo, que está sucedendo e  ten unhas implicacións éticas, morais e inhumanas tan terríbeis que, deixalo no esquezo, é tanto como ser cómplice da brutalidade. Concretamente é achegándonos ás páxinas centrais do romance cando aparece, xunto da inacción fas forzas de seguranza e intelixencia estatais cando deixan que grupos violentos de extrema dereita e extrema esquerda se maten entre si, esa tamén unha forma de complicidade non só da morte dos extremistas senón tamén das vítimas colaterais que se poidan producir e, de feito, se producen con máis frecuencia da pensada porque estas mortes case sempre fican no anomimato.

O romance presenta outra variábel non  moitas veces tratada, a das familias afectas ao réxime fascista que dalgunha maneira colaboraron para que @s perseguid@s puideran zafar das garras represoras. Neste caso é a familia de Rosalía Mera  a que dá acubillo a Carolina Ernau, namorada de Tristán Ulloa, que á súa vez é agochado nunha escura escavación que tamén serve para ocultar libros prohibidos pola censura do réxime fascista. Non é menor a imaxe dos libros agochados en túneles, porque dependendo do momento histórico, estes nunca deixan de existir; por sinal, hoxe por hoxe, é o túnel do silencio o que oculta socialmente os libros, maiormente os libros escritos en lingua galega, que  padecen a censura dun mercado onde o castelán os arrecanta cada vez máis.

Por se aínda non dei conta de suficientes motivos que atraian a súa lectura, continuarei dicindo que este enredo sobre a Guerra Civil remata no presente, pois denuncia a existencia de grupos nazis (o de neonazis parece un eufemismo) que non só é que existan baixo a complicidade das “autoridades” senón que son o elo final ( de momento) dunha cadea que os amamanta a través da historia desde os mesmos días de Hitler. Precisamente esta demostración paréceme que debe ocupar un importante espazo cando se fale deste romance de Alberto Canal. Que exista unha vinganza, e existe, non deixa de ser máis xustiza  poética ca outra cousa. Queden co que lles dixen, as razóns non llelas vou contar.

E se queren máis, tampouco  son moitas as veces en que unha “guerrileira” é o centro do enredo.

Desde o punto de vista técnico salienta a imbricación dos dous momentos históricos, o actual en que un xornalista investiga o relativo á historia de Carolina…e o pasado en que se desenvolve. Do resto, Alberto Canal non é autor de andar buscando voltas aos enredos que relata, opta por contar en liña, en dúas liñas progresivas que se atoparán no remate, tanto desde a progresión temporaria como da cadea causal que comeza no inicio da investigación. Esta é unha forma de que quen le se sinta cómodo na  lectura, e tamén de que a barbarie nunca perda o seu contexto, nin o actual nin o do pasado, de xeito que fique nítido.

Eis un romance valente, que engade ao seu valor literario o da denuncia social. Se o romance negro italiano non dubidou en denunciar o fascismo, se o romance negro francés tampouco tivo reparos en sacar á luz trapos sucios da extrema dereita…imos aquí contentarnos con catro investigadores ou investigadoras moi listiñ@s á hora de resolver enredos socialmente inócuos mentres tapan outros que sangran os alicerces da sociedade e da xente de ben? Afortunadamente temos autores como Alberto Canal que poñen o romance negro galego á altura da francesa (Jérôme Leroy, por sinal), da Italiana (comezando por Camillieri, por sinal) ou grega (Petros Márkaris, por sinal) e que fan lembrar algúns dos mellores títulos de Xavier Quiroga ou o último de Adolfo Caamaño. Esta non é literatura xoguete. É literatura que reivindica o valor dos libros como transformadores sociais, das mulleres como loitadoras antifascistas e denuncia como o máis negro do fascismo segue habitando entre nós.

Eis unha novela actual, valente, incómoda, útil e por iso mesmo inmortal, xa que os xoguetes logo fartan e se esquecen, sexan literarios ou non. E lerana en galego, non é desas que se poden chamar edicións bilingües, e vai ter moito menos eco social do que merece, e tampouco parece do gusto de quen se afana en traducir, a xulgar polos títulos que escollen.

Léano, se queren, as escondidas, como se di na presentación editorial, mais abran todas as fiestras para que o seu contido non sexa a ninguén descoñecido.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s