crítica de ESPÍDERMAN (Lúa Mosquetera) e ENSER ( Marcos Lorenzo), en Galaxia

ARREDORES DE SI

Títulos: Espíderman & Enser

Autorías: Lúa Mosquetera & Marcos Lorenzo

Editorial: Galaxia

Inaugura Galaxia nova colección, denominada “Heterodoxos”. “Contra os dogmas,  os prexuízos, as consignas e os tópicos. Contra o optimismo dos escépticos, contra o pesimismo dos fanáticos. Para todas elas e eles, contra todos e todo,  para provocalos, para alzalos, para que esperten dese turbio soño dos xustos”, segundo se pode ler na información editorial. Ou o que é o mesmo, unha colección para dar voz a quen vive e se expresa nas marxes, reactivo para provocar reflexión como primeiro método inconformista, a cal pode dar lugar escritas anovadoras tanto tematicamente como formalmente (ou as dúas cousas á vez, que xa sería notición). E os dous títulos escollidos son estes que hoxe imos comentar, comezando polo segundo número e rematando co primeiro, pois desta forma enfiaremos mellor o discurso que  imos elaborar.

Quizá haxa xente á cal o nome de Lúa Mosquetera lles soe a novo, mais quen segue con fidelidade a poesía galega ha saber que esta autora xa editou dous poemarios, en 2018 e 2020. Porén, na nosa opinión, a principal novidade vén por outro camiño, pois utiliza como método de divulgación da súa poesía o spoken word, a poesía na súa dimensión oral, falada, recitada. As autorías que optan por este tipo de divulgación, máis económica e rápida que a escrita, adoitan nuclearse a redor dos Poetry Slam, sendo Lúa vencedora no celebrado en Compostela, cun poema presente neste título, e tamén no ARitmar do ano pasado. Aínda que haxa xente para a cal isto  é unha novidade, cómpre dicir que é plataforma moi usada fóra das nosas fronteiras, moi especialmente no Brasil, pois desta forma a divulgación non asume custos máis que o de desprazarse ao lugar onde se celebra a competición…resulta unha forma divulgativa á que adoitan acceder autorías que teñen difícil acceso á publicación en papel, por exemplo pola color da pel ou pertenza étnica. Tamén son eventos cidadáns, xa que se celebran fundamentalmente en cidades.

Dito isto como información necesaria preliminar, tamén é certo que a lectura se pode ver condicionada pola descoñecida dimensión oral do texto que lemos, o cal supón que algún poema tecnicamente mellorábel en voz da autora poida resultar que a técnica mellorábel funciona. Do resto esta é unha poesía de proximidade, unha poesía na cal o eixo temático se sitúa no cotián, no que vivimos todos os días. Un espello da rutina que non necesita deformala para chamar a nosa atención, senón expoñela de xeito que fique claro o cárcere que supón para a persoa ao impoñer límites cotiáns que debuxan a zona de confort na que nos sentimos seguros. Pois ben, esnaquizar esa zona de confort é o obxectivo principal da poeta e, certamente, consegue como mínimo inquietarnos. Velaí a súa principal virtude, pois formalmente non engade nada novo.

Pola súa banda, Marcos Lorenzo tampouco é ningún descoñecido. Ora ben, os arredores de si que Lúa poetizaba non deixan de estar presentes nos textos de Enser, porén de maneira distinta. Aínda que o autor dispón un preámbulo no cal explica o contido do libro, composto en realidade por microrrelatos (escritos moi breves, sen enredo, con epifanía; dentro dos cales estarían os aforismos, unha fórmula que lle dá moito rendemento), e ás veces beireando a poesía, ás veces con desenfado mais sempre de xeito que en le se sinta afectado e reaccione, ben como desengano sufrido pola lectura ben como pensamento alternativo ao exposto. Alternando tamén fondura de pensamento con apreciacións oportunas mais próximas ao xogo conceptual. E os que non son microrrelatos, constitúen textos moi breves exentos de epifanía ou catáfora, porque esta non sempre é acadada. Evidentemente, tanto os microrrelatos como os textos moi breves tamén se achegan moito á filosofía exposta en cápsulas breves e puntuais. En todo caso resulta un convite/provocación a executar unha das facultades humanas máis adormecidas: a de pensar, a de non conformarse co espectáculo que nos envolve en forma de criterios e opinións prefabricadas para dirixir as nosas vidas entre lindes de confort persoal que non resulten problemáticos ou incómodos nin para os poderes dos que proceden nin para o resto de proximidades humanas.

Agora xa saben porque titulei estas liñas como “arredores de si”.

ASDO.: Xosé M. Eyré (Membro da Asociación Galega da Crítica)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s