crítica de O EXÉRCITO DE FUME (Manuel Gago, Xerais)

SABOTAXE

Título: O exército de fume

Autor: Manuel Gago

Editorial: Xerais

Desde que Eduardo Rolland publicara Galicia en Guerra (2007, Xerais tamén) comezou a ser revisado o papel que Galiza xogou na II Guerra Mundial. Referímonos á ficción, malia o libro de Eduardo Rolland non ser ficción, mais descobre un teatro onde nazis e aliados xogan a súa particular batalla de espionaxe e contrespionaxe, cunhas autoridades franquistas que en principio son neutrais mais deixan facer ao seu antollo ao nazis mentres non os incomoden cos ingleses. E hai pouco Marcos Calveiro publicaba O xardineiro dos ingleses onde tamén despregaba unha trama de espionaxe entre nazis e ingleses na Galiza, aínda que non centrada na II Guerra Mundial. E agora chéganos esta O exército de fume de Manuel Gago, unha apaixonante historia de espionaxe e contrespionaxe, de fuxidos e loita contra o fascismo, a medio camiño entre a lenda e a fidelidade histórica, para construír unha poderosa ficción que, se ben é imposíbel que tivera lugar, si conta e se basea con elementos históricos. O autor vén así a encher un oco que aínda hai na ficción galega, os poucos títulos que se ocupan da II Guera Mundial na Galiza, malia esta ser un tetaro de operacións onde nazis e aliados despregaron as súas armas de espionaxe e contrespionaxe. Para os nazis, Galiza era un lugar estratéxico para rebastecer os seus submarinos na loita por eliminar Xibraltar como enclave desde o cal dominar o Mediterráneo. E para os aliados resultaba importante precisamente polo contrario, éralles imperioso que os nazis non puideran reabastecer ou reparar os eus submarinos para garantir o seu poderío naval. Neste contexto, Manuel Gago dá entrada aos guerrilleiros fuxidos no monte.

A trama, aínda que se pode dicir que abarca un perído de tempo amplo, transcorre case toda en 1942, cando aínda a II Guerra Mundial estaba por decidir e a guerrilla galega tiña unha importante presenza social, naquel tempo da fame a miseria en que aínda se pensaba que a vitoria aliada axudaría a rematar coa ditadura franquista. Contando con personaxes reais (Winston Churchill, Samuel Hoare ou Urbano Lugrís, Curuxás), outras que son ficción mais están baseadas en personaxes que existiron, e outras que son totalmente ficticias, Manuel Gago visibiliza mediante a ficción un conflito que foi real, empregando así o formato da navela como un difusor social especialmente importante. Evidenciando así que aquel mantra mentireiro da “Galiza leal” non foi máis que unha oportunista cortina de fume mediante a que os franquistas tentaron agachar a contestación social que o réxime tiña na Galiza. Alí onde houbo resistencia antifascista, os resistentes teñen a considración de heroes, menos aquí, na Galiza, onde precisamente a loita antifranquista tardaría máis en ser erradicada. Non deixa de ser unha contradición, un silencio histórico que a ficción de Manuel Gago rescata para a memoria colectiva.

Sendo interesante o tratamento que se lles dá ás personaxes históricas, pola dificultade que representa non contradicir unha forma de pensar e actuar constratábeis, non o é menos aquel que se lle depara a personaxes ficticias baseadas en personaxes reais, como o guerrilleiro Ramallo, porque conseguen sernos críbeis, e aínda quedan aquelas que son totalmente ficticias, como Brais, que chegan a interesarnos moito e proporcionan á trama, curiosamente, o elemento mediante o cal se fusionan as anteriores procedencias. Velaquí como a ficción sae en auxilio da Historia, ou como a Historia se enriquece coa ficción, pois non se pode esquecer o papel reivindicativo que esta ten. Resultando un conxunto harmónico que desde o punto de vista estritamente literario resulta apaixonante, non só pola dificultade que representaba xogar con personaxes de procedencia tan dispar, resolta con éxito, senón polo feito de que a trama é das que atrapan ao lector. Consturída a base de mosaico de capítulos breves, onde uns se complementan a outros na ensamblaxe final, esta historia de espionaxe e sabotaxe dunha hipotética base para submarinos na costa galega tira do lector que, por debaixo, vai intuíndo unha historia de amor entre Brais e Celia, un canteiro e unha mestra de escola de orixe burgués republicano, unha historia de inocencia e paixón que sorprende polo seu desenlace.

Queren unha boa novela para ler ao fresco nestes días de calor sufocante? Pois velaí a teñen. Aínda que a calidade da novela non vai mudar as suores en brisa fresca e será igual de boa en calquera outra circunstancia climática, o certo é que o título de Manuel Gago se esmera na configuración das personaxes, respeta moito os ambientes da época (tanto rurais coma cidadáns, do norte ou do sur) e dispón a trama de xeito que a administración de información vai medrando pouco a pouco e imparabelmente para que o interese lector non decaia.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré